Sistema solar a escala

Desde Solpor propoñémosvos un entretido xogo, unha viaxe imaxinaria polos diferentes planetas do sistema solar a través da recreación virtual a escala sobre o Camiño de Santiago, supoñendo que a Bola de libros da Cidade da Cultura representa a Terra.

A Bola de libros, obra escultórica de nome Singularidade, creada pola artista Alicia Martín, que representa o exceso de información que se vive na sociedade actual no planeta Terra e que se converteu nun dos emblemas deste espazo.

Tras unha primeira aproximación realizada sobre o diámetro da Bola de Libros (supoñamos 5 metros), atopámonos con que sorprendentemente a posición do Sol sitúase na contorna do concello de Fisterra, en Costa da Morte, último Sol da Europa continental durante certos momentos do ano.

Na seguinte táboa mostramos o escalado dos diferentes diámetros de cada un dos planetas que conforman o sistema solar, supondo que o diámetro da terra é de 5 metros.

 

Diámetros corpos celestes
  Real Escala
Sol 1.391.000 Km 545,83 m
Mercurio 4.879,4 Km 1,91 m
Venus 12.104 Km 4,75 m
Terra 12.742 Km 5 m
Lúa 3.474,2 Km 1,36 m
Marte 6.779 Km 2,66 m
Xúpiter 139.820 Km 54,87 m
Saturno 116.460 Km 45,7 m
Urano 50.724 Km 19,9 m
Neptuno 49.244 Km 19,32 m

 

Na seguinte táboa mostramos o escalado das distancias medias que separan aos planetas do Sol, mantendo o suposto de que o diámetro da Terra é de 5 metros.

 

Distancias medias planetas – Sol
  Real Escala
Mercurio 57,91 millóns Km 22,72 Km
Venus 108,2 millóns Km 42,46 Km
Terra 146,6 millóns Km 57,53 Km
Marte 227,94 millóns Km 89,44 Km
Xúpiter 778,33 millóns Km 305,42 Km
Saturno 1.429,4 millóns Km 560,9 Km
Urano 2.870,99 millóns Km 1.126,99 Km
Neptuno 4.504,3 millóns Km 1.767,5 Km

Tendo en conta estas proporcións, poderíamos nunha primeira aproximación grosa ubicar aos planetas interiores do sistema solar nos seguintes concellos polos que pasa o Camiño de Santiago.

 

Localización corpos celestes no Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia
Sol Fisterra
Mercurio Mazaricos
Venus Negreira
Terra Santiago de Compostela
Marte Arzúa

 

Os planetas exteriores (Xúpiter, Saturno, Urano, Neptuno), localizaríanse todos eles fora do territorio galego, se ben poderíamolos ubicar en diferentes puntos do Camiño de Santiago ao seu paso pola península e centro Europa.

Así, un peregrino que entra en Galicia poderá simular na súa ruta un viaxe polo sistema solar, pasando por cada un dos planetas interiores ata chegar ao Sol no concello de Fisterra, tendo coma derradeira etapa do camiño o espectacular solpor sobre o Atlántico.

No mapa que podedes ver a continuación poderedes percorrer esta sorte de viaxe polo sistema solar, atopando unha fotografía 360 en cada unha das diferentes localizacións onde se sitúan os planetas.

"Una ventana con vistas al Sol"