Todo o litoral que contemplamos desde o Cabo Fisterra conforma a Costa da Morte, abrupto, rochoso e cheo de perigosos cantís, testemuña de numerosos naufraxios, que se cobraron multitude de vidas humanas, non sendo maior esta cifra grazas á xenerosidade e ao heroísmo da xente destas terras, algunhas das cales chegaron a poñer en perigo as súas vidas para salvar as doutros.
A razón destes naufraxios é sinxela; fortes correntes oceánicas, gran cantidade de cantís, pedras mergulladas a poucos metros de profundidade, frecuentes temporais, néboas repentinas e un vento que ás veces pode superar os 120 quilómetros por hora.
Desde o ano 1.345 ata os nosos días, hai documentados 633 afundimentos na Costa da Morte e por iso xurdiron numerosas historias como as dos Raqueiros, versión local dos piratas mariños, que chegaban a provocar naufraxios confundindo aos barcos e facéndoos embarrancar, conseguindo prezados botíns.
Estes barcos que hoxe en día se atopan naufragados nas nosas costas son exemplos vivos de momentos moi concretos da historia cando en pleno século de ouro español, España estableceu un dominio case universal sobre os mares estando moi representados nesta costa os naufraxios dos barcos que atravesaban este roteiro, como os 20 vaixeles da frota da armada española dirixida por Martín de Padilla en 1596, afundidas no seo de Fisterra xusto aos pés do faro.
Na época victoriana, momento no que Inglaterra exerce por primeira vez a hexemonía mundial, cabe destacar o naufraxio debido a un gran temporal do Vapor correo británico, Great Liverpool, en febreiro de 1846 onde morreron dúas mulleres e un neno ou o gran acoirazado británico HMS Captain que chocou contra a rocha O Centolo, rocha que podemos divisar desde aquí, para afundirse posteriormente debido a unha borrasca en 1870. Nesta catástrofe perderon a vida 482 tripulantes.
No século XIX, coa inmigración europea, e sobre todo española, con destino cara á América, o Gran Vapor transatlántico Aleman Salier naufragou e despareció sen deixar rastro nestas costas con máis de 400 persoas a bordo, unha noite de decembro de 1846.
Outro naufraxio destacable é o da corveta Bayonnaise, un dos barcos máis famosos que tivo nunca Francia na súa armada, en plenas Guerras Napoleónicas, foi afundido na praia de Langosteira de Fisterra en 1803. O navío cubría o roteiro da Habana a Ferrol cando era perseguido polo buque inglés HMS Arden. O Bayonnaise foi embarrancado pola súa propia tripulación que o abandonou tras plantarlle lume. O buque estalou a media noite.
Aínda que o naufraxio que merece unha especial mención pola proximidade no tempo e polo dano causado nas nosas costas é o Prestige. O 13 de novembro de 2002, o petroleiro monocasco Prestige accidentouse nunha tormenta mentres transitaba cargado con 77 000 toneladas de fuelóleo fronte á Costa da Morte, e tras varios días de manobra para o seu afastamento da costa galega acabouse afundindo a un 250 km da mesma. A vertedura da carga causou unha das catástrofes ambientais máis grandes da historia da navegación, tanto pola cantidade de contaminantes liberados como pola extensión da área afectada. O episodio tivo unha especial incidencia en Galicia, onde causou ademais unha crise política e unha importante controversia na opinión pública.
Cos naufraxios sucedidos nesta Costa da Morte poderiamos escribir a historia da humanidade, simplemente a través dos restos materiais afundidos atopados, grazas a este gran tráfico marítimo e roteiro comercial, unha das máis importantes da historia.