SOLPOR EN SANTIAGO
Ven recibir ao equinoccio de outono no miradoiro do Albergue Seminario Menor, en compañía de Jorge Mira e Borja Tosar.
O VINDEIRO MÉRCORES 22 DE SETEMBRO, ÁS 19:00, TERÁ LUGAR NA ESCALINATA PRINCIPAL DO ALBERGUE SEMINARIO MENOR DE SANTIAGO UNHA XORNADA DIVULGATIVA AO REDOR DA FIGURA DO SOL, GUIADA POLOS DIVULGADORES CIENTÍFICOS JORGE MIRA E BORJA TOSAR.
¿Cando foi a última vez que viches unha posta de Sol? Un dos fenómenos máis fermosos da natureza acontece tódolos dias, pero pasa inadvertido nas cidades, onde a xente non se decata do movemento cambiante do sol ao longo do ano ou da variación da inclinación dos seus raios sobre a Terra.
No marco do programa O Teu Xacobeo e co obxectivo de reconectar coa natureza, co Sol e os planetas que xiran ao seu redor, nace o proxecto SOLPOR, unha sorte de conxunción entre ciencia, tecnoloxía e audiovisual para valorizar a figura do Sol no Camiño de Santiago, ente de culto para os nosos antepasados que perdura dende a noite dos tempos. O Camiño, un dos grandes difusores do coñecemento en occidente, ten na astronomía a verdadeira pedra angular da cultura e peregrinaxe durante séculos a Galicia.
Como percibiría un observador situado en Santiago de Compostela o movemento relativo cambiante do Sol ao longo do ano? En que puntos do horizonte proxectados sobre a xeografía galega se producirían os solpores e os amenceres nos solsticios e nos equinoccios para este observador? Cales serían a derradeiras localidades do territorio galego no que se producirían? Que son as estacións? Ten sentido o cambio de hora ou de fuso horario en Galicia?
A todas estas preguntas darán resposta Jorge Mira e Borja Tosar na xornada que se celebrará este mércores 22 de setembro, coincidindo co equinoccio de outono, no Albergue Seminario Menor de Santiago de Compostela. Este histórico edificio, situado no barrio alto de Belvís, ofrece marabillosas vistas do centro histórico de Santiago e da catedral, erixíndose nun dos lugares mais emblemáticos da cidade onde observar a posta do sol. Así, milleiros de peregrinos ao longo do ano danse cita nesta emblemático miradoiro, que tras a súa chegada a Compostela, aproveitan para descansar as pernas observando o espectáculo do solpor sobre a cidade.
Esta acción foi precedida esta fin de semana pola presentación da cámara que dende a ligazón https://solpor.eu/ retransmite as postas de sol de Cabo Fisterra, que durante varias fases do ano son as últimas da Europa continental. O portal https://solpor.eu/ inclúe tamén a cámara que conecta coa posta de sol desde Santiago.