PRESENTACIÓN SOLPOR
Tecnoloxía, ciencia e audiovisual únense para valorizar a figura do sol no Camiño de Santiago

O VINDEIRO SÁBADO 18 DE SETEMBRO, ÁS 13:00, TERÁ LUGAR NO HOTEL SEMÁFORO DE FISTERRA O ACTO DE PRESENTACIÓN DO PROXECTO SOLPOR, INICIATIVA PROMOVIDA POLA EMPRESA WIRELESS GALICIA EN COLABORACIÓN CON LUZLUX, COFINANCIADA POLA XUNTA DE GALICIA DENTRO DO PROGRAMA O TEU XACOBEO.
Na xornada participarán representantes da Xunta de Galicia, José Marcote, alcalde de Fisterra, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota, Jorge Mira, catedrático do departamento de física aplicada da USC, Jesús Picallo, xerente do Hotel O Semáforo de Fisterra e Xurxo Cegarra, socio fundador de Wireless Galicia.
Coa vista posta no ano Xacobeo nacía no ano 2020 o proxecto Solpor, un achegamento desde a tecnoloxía, o audiovisual e a ciencia ao Sol, ente de culto que segue a perdurar dende os nosos ancestros ata a actualidade. Unha fonte de enerxía que nos alimenta física e psicoloxicamente. Dos solsticios aos equinoccios, o Sol discorre de forma paralela ás nosas vidas ao longo do ano. Así, dende o 21 de decembro ata o 21 de Xuño, e viceversa, a estrela percorre os ceos alongando ou acurtando a duración do día e a noite, rexendo o cambio de estacións, as plantacións, as colleitas… a supervivencia, en definitiva, do mesmo ser humano. Eses tempos variables que a posición do Sol debuxa no horizonte, son tamén referentes da nosa paisaxe.
E se hai un lugar no mundo onde o Sol adquire unha dimensión máxica, este é o Cabo Fisterra, auténtico emblema da Costa da Morte e do Camiño de Santiago. Fin da Terra para o imperio romano. Un pasado de lenda que o seu propio nome expresa emprazado nun recanto natural, paisaxístico e cultural único.
Son abundantes os ritos e lendas pagás sobre o Ara Solis, santuario de culto ao sol, altar despois cristianizado, ocupado hoxe pola ermida de San Guillerme. Segundo algúns historiadores, a ruta de peregrinación cara ao punto de observación final, a do último sol, podería ser o xerme do medieval Camiño de Santiago. Mesmo hoxe en día moitos dos peregrinos que chegan a Santiago continúan camiño ata o cabo Fisterra, completando o tránsito místico. A mesma fascinación que ao longo dos milenios convocou a tantas persoas para asistiren ao transcendente espectáculo dun solpor cargado de simbolismo.
Hoxe, as novas interpretacións científicas dannos a pista desta orixe centrada no movemento do sol, que atraeu a diferentes pobos en busca de respostas ata esta Terra, deixando a súa pegada nos petróglifos, nas lendas, na música, nas súas palabras e costumes que perduraron no tempo.
Neste contexto, e no marco da 1ª edición do programa O Teu Xacobeo, daba comezo no 2020 o proxecto Solpor Fisterra, poñendo a disposición do público un punto de observación no carismático Hotel O Semáforo de Fisterra, privilexiado balcón onde cada ano se dan cita milleiros de peregrinos para observar a posta do Sol sobre o Atlántico, coa emisión de vídeo en directo, creación de timelapses, fotografías e artigos divulgativos.
Dando continuidade a esta primeira iniciativa e ao abeiro da 2ª edición do mesmo programa, arranca no 2021 o proxecto Solpor 4.0, cun novo punto de observación no Albergue Seminario Menor en Santiago de Compostela, situado no alto do barrio de Belvis, que ofrece marabillosas vistas do centro histórico de Santiago e da catedral, un dos lugares mais emblemáticos da cidade no que observar a posta do sol.
Fisterra e Santiago, alma e corazón do Camiño, contan desde hoxe cunha nova porta aberta ao mundo, na que o Sol, ente de culto para os nosos antepasados que perdura dende a noite dos tempos, eríxese coma recurso turístico e patrimonial de primeira orde.